Un produto de primeira que non che deixará indiferente

A gastronomía da Mariña é tan rica e variada como este territorio de amplas costas, vales, pastos, ríos e serras, que nos ofrecen peixes, mariscos, carnes, verduras, hortalizas… e ata sobremesas artesás da mellor calidade.

Pescada do pincho, bonito do norte, ourizo de mar, mexillón, cadelucha, lumbrigante, polbo, troita, reo, anguía, salmón… son algúns exemplos da riqueza gastronómica que nos brinda a pesca. A Mariña posúe gran variedade de produtos agrícolas e gandeiros de calidade: tenreira galega, lacón con grelos, produtos da horta (Valadouro), mel, castañas ou a faba de Lourenzá, produto con denominación de orixe propia que abarca toda a comarca.